NEG entende que, cando se fan 30 anos da Lei de Normalización Lingüística, o futuro do idioma vese comprometido por decisións contrarias ao progresivo proceso normalizador que esta Lei pretendía garantir.
O imprescindible papel normalizador que se lle atribúe ao ámbito do ensino vese cuestionado por normas e medidas de distinto carácter que conducen a que sexa precisamente á escola a quen se lle impida traballar na superación dos letais prexuízos lingüísticos que persisten na nosa sociedade e na extensión de maiores e mellores usos da nosa lingua.
No mes de decembro a nosa asociación fixo público un novo NEG Opina sobre a lingua: “Lingua e ensino: regreso ao pasado?” no que pretendía chamar á reflexión sobre o lugar do galego no ensino á luz dos últimos acontecementos e diante das decisións que se albiscan neste ámbito.
Para NEG, as previsións para as linguas propias contidas no anteproxecto da LOMCE, as sentenzas sobre o Decreto do Plurilingüismo, o Informe do Consello de Europa referido ao incumprimento da Carta Europea das Linguas Minoritarias e Rexionais, e os datos sobre a aplicación do Decreto nas aulas reflicten unha realidade profundamente regresiva para o idioma, abocándose o sistema educativo á renuncia das funcións que lle cómpren respecto da protección e desenvolvemento do idioma de noso.
NEG entende que a sociedade galega non pode estar de acordo co dano que se está a provocar na nosa lingua, nos dereitos dos seus falantes e no patrimonio cultural do país. Por este motivo solicita do goberno da Xunta que reconduza a súa acción política, comprometéndose coa cidadanía en garantir un futuro para a nosa lingua.