Vivimos tempos difíciles a nivel social e mesmo cos cambios lexislativos que se están producindo. Estamos rodeados de situacións inxustas que son unha forma, non recoñecida, ás veces, de violencia e a isto hai que sumarlle a crecente inxustiza social xerada polas estruturas do poder, que están a producir un importante retroceso lexislativo das liberdades: lei do aborto, LOMCE, desafiuzamentos, copagamentos, desemprego e precariedade laboral, violencia de xénero, acoso escolar e sexual... etc. Sen esquecer estas realidades, non estaría mal unha volta aos nosos principios e achegarnos ás situacións máis próximas que temos cada día nas nosas escolas. Os conflitos que xorden a diario son unha oportunidade para repensar como podemos mellorar a convivencia na nosa comunidade educativa.
Como educadores e educadoras temos de vivir, imaxinar e transmitir valores e actitudes que empapen de paz as nosas relacións. Vivir é transmitir actitudes e comportamentos xustos e solidarios. Isto non é outra cousa que educar e educármonos para a paz. Temos que facer pedagoxía da paz, crear unha nova conciencia que descubra o territorio da verdadeira seguranza e da auténtica pacificación. Una nova conciencia que denuncie o desfasamento entre os gastos militares para a morte e os gastos civís para a vida: os gastos en educación, sanidade, conservación do medio ambiente, Paz e dereitos humanos, convivencia en igualdade entre homes e mulleres, prevención da violencia de xénero, resolución pacífica de conflitos, interculturalidade, valores cívicos e democráticos, protección do medio natural... en definitiva, Cultura de Paz, que non é só educación para a paz, dereitos humanos e democracia, senón tamén, loita contra da exclusión e a pobreza (o gran obxectivo do milenio), diálogo intercultural e resolución pacífica de conflitos.
O estudo, análise e debate nas nosas aulas dos problemas que afectan á nosa convivencia pode levarnos a mellorar as normas de convivencia democrática, mantendo o principio do respecto ás persoas no marco dos dereitos humanos.
A nosa concepción gandhiana do conflito como algo natural e inevitable na existencia humana, inclusive como un valor necesario que posibilita o debate que serve de base para a crítica e a construción da mellora, lévanos a unha necesidade da pedagoxía da convivencia que permita aprender a vivir resolvendo os conflitos sen violencia e a canalizar a agresividade como forma de autoafirmación e non de violencia.
Non podemos pensar que o tema da convivencia se reduce só aos momentos en que se producen os conflitos. Necesitamos un plan de convivencia en cada centro, dentro dunha planificación feita de forma global e continuada e que teña en conta a prevención e a resolución de conflitos. Debemos propiciar espazos e tempos e utilizar estratexias didácticas que favorezan a convivencia.
A aprendizaxe da convivencia necesita planificación para a aula e para o centro. Debe brindar oportunidades, apoio e estímulo constantes e crear unha mínima estrutura que fomente a participación real de todos os sectores, evite medidas de exclusión e mostre compromiso cos cambios positivos. “Crear na aula e no centro un clima de seguridade, de confianza, de mutuo apoio…” Jares.
* O Día Internacional pola Paz, proclamado pola ONU e pola UNESCO, celébrase o 21 de setembro. Como nesas datas estamos a comezar o curso, vénse conmemorando o 30 de xaneiro, aniversario do pasamento de Gandhi. A idea foi dun poeta, educador e pacifista mallorquino Llorenç Vidal, principal promotor do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
Este ano o grupo de traballo de Educadores pola Paz de NEG celebrará o XXVIII Encontro anual, nesta edición de 2014, en Chaves e será arredor do 25 de abril, data en que se conmemora o 40º aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal.
Para saber máis: “Pedagogía de la Convivencia” Xesús Rodríguez Jares, Biblioteca de aula 228, Graó, Barcelona 2006
EDUCADORES EDUCADORAS POLA PAZ DE NOVA ESCOLA GALEGA
Santiago de Compostela, xaneiro de 2014