|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
 | Prensa |  |
|
 | Conclusións |  |
Ao longo das dúas xornadas de traballo compartidas, arredor de setenta e cinco persoas asistentes —entre relatores/as e participantes na actividade— ao III Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico: Xogo tradicional, deporte tradicional e educación, logo das sesións teóricas e prácticas das que este constaba, chegaron ás seguintes conclusións referidas ao estado actual do patrimonio lúdico galego:
1. Constátase a enorme riqueza do catálogo lúdico tradicional galego. Non se trata xa só de que existan unha infinidade de xogos tradicionais, vivos moitos deles desde a noite dos tempos, senón de que existen nese catálogo xogos apropiados para cada unha das etapas da vida do individuo, constituíndo os xogos tradicionais, xa que logo e no seu conxunto, unha manifestación cultural xenuína que non só cómpre conservar, senón tamén promover e poñer en valor.
2. Constátase, igualmente que algunhas desas prácticas lúdicas tradicionais corren serio risco de desaparición nos nosos días se é que non se deseñan e se poñen en marcha medidas de investigación, recuperación e divulgación das mesmas. Desde esta perspectiva, os asistentes non poden por menos que preguntarse pola razón que provoca na actualidade que o Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Populares e Tradicionais, bosquexado pola Administración galega no ano 2009, permaneza hoxe esquecido.
3. Desde esta mesma óptica, semella evidente para os asistentes que unha estratexia global de recuperación e posta en valor do patrimonio lúdico tradicional debese partir de experiencias xa consolidadas como a da loita galega. En efecto, o proceso de recuperación desta modalidade deportiva, levada a cabo a partir do traballo rigoroso do Club de Loitas Tradicionais A Cambadela da Estrada, resulta exemplificador dun modelo que estudou as formas tradicionais da loita, primeiro, para convertela despois nunha práctica deportiva cun futuro esperanzador nos nosos días e para —nunha vertente que obviamente non debe ser esquecida en calquera proceso de recuperación—descubrir as súas posibilidades educativas no sistema educativo actual.
4. Outro tanto se podería dicir das modalidades de birlos que foron postas en común durante o Curso. O exemplo da Asociación Recreativa e Cultural dos Amigos/as de Santa Comba de Órrea, recuperando o xogo dos birlos en liña —con lastra— nunha comunidade rural pequena, vén demostrar que o xogo tradicional mesmo se pode converter nunha ferramenta —modesta, seguramente, pero non por iso desdeñable— de dinamización cultural e económica. Ao tempo, a posta en marcha de mecanismos de intercambio con outras modalidades do xogo existentes noutros lugares, provoca igualmente que a manifestación lúdica en cuestión se enriqueza por si mesma e adquira unha nova dimensión, máis alá do ámbito estritamente local. Debe ser amentado que durante o Curso esta mesma asociación ensinoulles aos asistentes a xogar tamén á modalidade de birlos ao canteiro —a pesar de nos ser a súa propia— feito este que por si só semella evidenciar esa nova dimensión da que falamos.
5. Un caso semellante é o representado pola modalidade de birlos xogada en Caxide — Parada do Sil. Durante a presentación realizada no Curso púxose en evidencia de que maneira as prácticas lúdicas tradicionais son produto dun medio, dunhas circunstancias de vida, dunha armazón cultural á fin que lles outorga todo o seu significado e a transcendencia como manifestacións culturais perdurables no tempo e mesmo como mecanismos de enculturación de enorme eficacia.
6. Os asistentes constataron, igualmente, como na actualidade moitos centros educativos están poñendo en marcha medidas de recuperación e posta en valor dos xogos populares e tradicionais galegos. Trátase de proxectos diversos, con obxectivos no tempo concibidos tamén de forma diversa, pero que parecen converxer na evidencia de que o patrimonio lúdico galego ten todo o seu sentido nos procesos educativos dos nosos días. Particularmente interesantes semellaron as estratexias —apenas bosquexadas durante o Curso— de reestruturación dos patios de xogo dos centros para buscar un oco neles para as prácticas lúdicas tradicionais.
7. Digna de ser saudada é tamén a aparición —aos poucos, pero semella que dun xeito constante— de empresas que focalizan a súa atención cara ao xogo tradicional. Se ben no Curso estivo presente só unha desas empresas, o certo é que nos últimos anos outras teñen visto a luz ao longo de todo o país, algunhas nacidas exclusivamente centradas no patrimonio lúdico tradicional, e outras incluíndo este dentro dun abano de actividades e liñas de acción máis amplo.
8. Se ben é certo que as manifestación lúdicas tradicionais nos chegaron desde a noite dos tempos e constitúen un patrimonio digno de ser estudado, catalogado e posto en valor nos nosos días, é igualmente certo que o proceso de aparición de novas prácticas lúdicas non está nin moito menos clausurado. Foi sempre así historicamente —sempre foron creadas ou re-creadas novas manifestacións lúdicas— e non existe razón para que así non siga sendo a pesar da sedentarización das camadas novas da poboación e a pesar da aparición e popularización dos enredos modernos creados á luz das novas tecnoloxías. Desde esta óptica cobra sentido a utilización do cualificativo popular —a carón, se se quixer, en moitos casos, de tradicional— porque esas novas prácticas non só deben ser respectadas, senón promocionadas tamén como creacións culturais xenuínas. Independentemente de que a súa supervivencia no tempo só o tempo poida probala, é ben certo que debe procurarse fornecer os medios —os espazos públicos de xogo talvez sexan o máis importante destes medios necesarios— para que a aparición deses novos xogos poida ter lugar.
9. Sendo moderadamente optimistas os logros acadados polo movemento de recuperación e posta en valor do patrimonio lúdico galego ao longo dos últimos anos, é tamén certo que se precisa dunha perseveranza nos procesos iniciados, unha perseveranza que resulta difícil de manter nas circunstancias —económicas, pero non só— actuais. Desde esta óptica, os asistentes fan unha chamada a todas as persoas e entidades —tamén á Administración galega, naturalmente— con relación co xogo tradicional, para conseguir a consolidación das liñas de traballo abertas na actualidade e para iniciar outras novas que procuren a plena recuperación dos xogos e deportes, tradicionais e populares, galegos.
10. Finalmente, os asistentes ao III Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico, saúdan a convocatoria —realizada por Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional— do VII Día do Peón en todos os centros educativos galegos para o día 11 de novembro próximo. Saúdan igualmente a próxima inauguración do Museo Etno-Lúdico de Ponteceso, promovido polo profesor Ricardo Pérez i Verdes. E saúdan, finalmente, a sucesión nos próximos tempos das seguintes novidades editoriais:
- A publicación dun número especial da Revista Galega de Educación dedicada ao xoguete tradicional, baixo a coordinación dos especialistas Xosé López e Xosé Manuel García, que será publicada no mes de decembro.
- A publicación nos primeiros meses de 2012 da monumental obra de Antón Cortizas titulada Tastarabás, Enciclopedia dos Xoguetes Populares, que reunirá preto de 1000 brinquedos, nunha edición presumiblemente en tres tomos a cargo de Edicións Xerais de Galicia.
- A publicación inmediata de varias pezas teatrais de Carlos Labraña dirixidas ao público infantil e centradas nos xoguetes tradicionais. Baixo o título Teatro de xoguete e a cargo de Edicións Embora, as pezas incluídas no volume mereceron o VI Premio Estornela de Teatro para Nenos e Nenas convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas.
|
|
 | Presentación |  |
XUSTIFICACIÓN
Xogo de tradición cultural, xogo tradicional, xogo popular... é aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida. Os xogos tradicionais forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular e son transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.
O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos da Península Ibérica, e o proceso de recompilación e de divulgación dos xogos tradicionais galegos colleu certa forza nas últimas décadas pois, ademais de teren aparecido estudos que catalogan e analizan os xogos galegos, téñense posto en marcha iniciativas de recuperación desde moi variadas perspectivas, pero sobre todo desde o ámbito escolar.
No ano 2009, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega organizaron en Melide unha actividade de formación que pretendeu achegar o estudo do patrimonio lúdico ao ámbito educativo. A resposta obtida por aquela convocatoria téndose esgotado todas as prazas ofertadas, provocou que se concibise unha segunda edición do Curso no ano 2010, daquela centrada máis especificamente nalgunhas didácticas específicas, pero na que non se esqueceron perspectivas máis globais –institucións europeas, universitarias, gobernos locais, ámbitos empresarial...– co obxectivo de ir construíndo unha visión o máis completa posible dos procesos de recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais.
A terceira edición da actividade, a do ano 2011, pretende xustamente afondar nalgúns aspectos apenas bosquexados nas precedentes, ao tempo que opta por reservar espazos específicos para o coñecemento e a reflexión sobre algúns deportes tradicionais galegos. Precisamente para a práctica dalgunhas destas modalidades deportivas contarase cos propios xogadores-protagonistas da súa recuperación.
OBXECTIVOS
1. Achegarse á cuestión do xogo tradicional desde unha óptica global, atendendo aos procesos de recuperación do patrimonio lúdico que se están desenvolvendo desde diferentes ámbitos. 2. Analizar o xogo tradicional como manifestación cultural, e en especial o seu papel específico na construción da identidade.
3. Poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito escolar.
4. Investigar posibles estratexias de recuperación do patrimonio lúdico galego desde o ámbito dalgunhas didácticas específicas e valorar o seu papel no desenvolvemento dos procesos educativos.
5. Practicar unha importante batería de xogos e deportes de diferente tipoloxía e poñer en común variantes das modalidades propostas, e mesmo outras diferentes.
Acceso á anterior edición celebrada:
(máis información)
|
|
 | Documentación |  |
 | Galería Fotográfica |  |
|
|
 | A AGXPT |  |
 | Ficha técnica |  |
ACTIVIDADE COORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL E POR NOVA ESCOLA GALEGA
Título da actividade: III CURSO DE FORMACIÓN SOBRE O PATRIMONIO LÚDICO. "Xogo tradicional, deporte tradicional e educación".
Datas de celebración: 21 e 22 de outubro de 2011.
Lugar de celebración: Melide Instalacións do Instituto de Ensino Secundario de Melide
Destinatarios/as: Profesorado de Ensino Primario e Secundario en xeral. Educadores/as en xeral.
Número máximo de participantes: 90, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas: 12 (homologación da Consellería de Educación en trámite).
Cotas de inscrición: Ata o 14 de outubro de 2011 Ordinaria: 40 € Parados/as e estudantes: 30 € Socios/as de NEG: 20 €
Desde o 15 de outubro de 2011 Ordinaria: 50 € Parados/as e estudantes: 40 € Socios/as de NEG: 30 €
Forma de pagamento: Transferencia bancaria á conta da AGXPT en Caixa Galicia 2080 – 0337 – 14 – 3040006072
Inscrición: Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento
|
|
|
|