|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
|
 | Conclusións |  |
Na sesión de avaliación as persoas asistentes ao X Seminario sobre a Memoria achegaron distintas reflexións que se poden sintetizar nas seguintes conclusións:
1. Celébrase que a iniciativa do Seminario da Memoria acadase nada menos que dez edicións, conseguindo abordar neste tempo moi diversos aspectos relacionados coa recuperación da nosa memoria histórica e percorrendo, ademais, distintas zonas do país. Recoñécese o enorme traballo desenvolvido polas persoas directamente vinculadas á organización, nomeadamente o coordinador do Seminario Carlos Cimadevila. Agradécese o apoio de entidades irmás e das institucións educativas e concellos que nesta décima edición acolleron ou promoveron a iniciativa: IES Félix Muriel de Rianxo, Concellos de Rianxo e a Fonsagrada, Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, Asociación Cultural Barbantia, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza CRMH, Murguía, Revista Galega de Historia, Revista Galega de Educación, Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
2. A actividade, tal e como se veu sinalando nas edicións precedentes, segue considerándose como un interesante exercicio de análise e comprensión dun fenómeno histórico moitas veces descoñecido e, outras, declaradamente ignorado. Neste sentido, faise necesario continuar afondando no seu estudo, incorporando semente nova tanto no que se refire ás persoas asistentes, cando a aquelas que se ocupan máis directamente dos aspectos organizativos, e, por suposto, ás relatoras, coidando asemade da permanencia do grupo estable que o Seminario ten conseguido fidelizar, así como de manter a presenza activa do ex-guerrilleiro Francisco López, Quico, Fernanda Cedrón, neta do Gardarrios e de Víctor García, fillo do Brasileño, e mesmo incorporar familiares de persoas que foron represaliadas.
3. A metodoloxía de traballo adoptada polo Seminario, combinando testemuñas de persoas que viviron directamente a represión –caso dos propios guerrilleiros, outras persoas represaliadas e os seus familiares– e exposicións de investigadores sobre as distintas temáticas, acompañadas moitas veces de documentos audiovisuais, co recoñecemento de espazos nos que se desenvolveron moi diferentes episodios da represión é, sen dúbida, unha das razóns que explica o interese que esta actividade suscita e a súa continuidade no tempo. A contextualización do relato da represión en lugares concretos atrae a participación da cidadanía directamente interesada, feito que enriquece o propio Seminario, integrado fundamentalmente por docentes. Nesta edición coñecemos de primeira man a pegada que deixou na veciñanza da Fonsagrada a historia do “Batallón Galicia”, particularmente o asasinato do Comandante Moreno e os seus no Acevo, posibilitando deste xeito a consecución do primeiro dos obxectivos deste Seminario, que procura a análise e a explicación –contextualizada no espazo e no tempo– de feitos, personaxes, procesos, etc. máis significativos sobre o fenómeno da represión e sobre a desapiadada depuración sufrida pola poboación.
4. Outro dos obxectivos que persegue o Seminario é o de tirar implicacións didácticas relacionadas coa Memoria. Nesta liña cómpre seguir avanzando no coñecemento e difusión de materiais de indubidable valor histórico e didáctico. Nesta edición valorouse moi positivamente contar con algúns materiais moi acaídos como o documental O Novo Emden (a viaxe do atuneiro Nuevo Emden do Grove a Concarneau en agosto de 1937, e posteriormente ao Caribe ), do director Marcos Gallego, como Memorias Rotas, a balada do Comandante Moreno, da directora Manane Rodriguez. Nesta liña a exposición instalada no IES Félix Muriel 80 anos. Santiago 1936, comisariada por Alfonso Mato e Rafael García constituíu unha moi boa e documentada referencia.
5. Vese imprescindible a visibilización de feitos e de realidades, máis aínda no contexto sociopolítico actual no que as voces do negacionismo acadan representación institucional e proxección mediática, o que demanda das entidades ocupadas na recuperación da memoria histórica a procura dun traballo en rede e a súa proxección nos distintos ámbitos de interese, sendo o educativo un dos que presenta un maior potencial. Nesta liña é preciso valorar por que a reflexión sobre a represión non chega a camadas amplas da poboación, e por que sempre as sensibilizadas son as mesmas persoas... E por que tampouco chega á xente moza. Para dar resposta a esta problemática o Seminario acorda facer un traballo de aproximación ao alumnado universitario encamiñado á súa implicación nas dinámicas formativas. Como é habitual no Seminario da Memoria tamén nesta edición incluíronse actividades de visibilización e recoñecemento ás vítimas da represión franquista, sinaladamente o Acto de homenaxe ás mulleres solidarias cos prisioneiros dos campos de concentración de Rianxo e a todas as mulleres represaliadas e solidarias, aberto á veciñanza, e, á visita as tumbas do Comandante Moreno e os seus no cemiterio da Fonsagrada, na que se tributou unha sinxela homenaxe ao Batallón Galicia.
6. Afondando na liña de traballo que o Seminario desenvolve respecto da Guerra Civil lémbrase que a sociedade, e o ámbito educativo en especial, necesitan dunha revisión histórica da narrativa do que aconteceu desde a Guerra Civil ata hoxe en día. Unha revisión de todas as partes participantes para poder transmitir un coñecemento real do sucedido. Algunhas actividades desta edición posibilitaron un achegamento diferente á contenda, como foi a aproximación aos escritos e investigacións de Miguel Torga, escritor portugués presentada polo profesor Miro Villar.
7. Lémbrase desde o X Seminario, recollendo conclusións de edicións anteriores, que para que crimes desta gravidade non volvan repetirse é preciso garantir unha profunda conciencia pública do sucedido, o que inclúe necesariamente educar no respecto á verdade e afondar nos valores para unha cidadanía democrática, reclamando o recoñecemento e posta en valor do ideario republicano.
8. Detéctase por parte dos participantes no Seminario unha falta de sensibilidade institucional, evidenciada na falta de apoio e cobertura a iniciativas relacionadas coa recuperación da Memoria Histórica, que trae como consecuencia a ralentización ou mesmo a desaparición de proxectos de capital importancia. Neste sentido, na actual conxuntura política, convén prestarlle atención ao renovado intento de desacreditar os logros derivados do traballo das asociacións e colectivos vinculados dalgunha maneira coa memoria histórica, desvelando a súa intencionalidade e proxectando unha visión respectuosa coa memoria e a dignidade dos represaliados polo franquismo.
9. Os integrantes do Seminario denuncian novamente como o “relato” sobre a Guerra Civil e a represión franquista, así como as medidas tomadas en distintos momentos da nosa historia recente, non respectan os compromisos establecidos por mandato internacional. Neste sentido entenden que a regulación española sobre a Memoria Histórica e os dereitos das vítimas do franquismo é directamente herdeira do pacto do esquecemento sobre o que se construíu a transición á democracia. Na procura dunha falsa reconciliación vulneráronse gravemente as reivindicacións de verdade, xustiza e reparación ás vítimas. Distintos organismos internacionais e asociacións pro dereitos humanos teñen advertido reiteradamente da transgresión do dereito internacional referido a dereitos civís e políticos que ampara as vítimas de graves violacións dos dereitos humanos. Particularmente, a aplicación da Lei de Amnistía de 1977 e as actuacións do Tribunal Supremo e do Constitucional entran en conflito directo coa lexislación internacional –xuridicamente vinculante para todos os estados– ao non considerar o carácter imprescritible dos delitos de “lesa humanidade”, como son, por exemplo as desaparicións forzadas nun contexto de ataque xeral á poboación civil. O Seminario entende que pechar en falso conflitos desta magnitude non permite restituír a necesaria confianza nas institucións nun estado de dereito e reclama das organizacións políticas a revisión desta situación e un compromiso decidido para que o estado asuma o papel que lle corresponde na defensa da legalidade.
10. En consecuencia os participantes no Seminario valoran que é preciso levar a cabo accións conxuntas entre todos os colectivos implicados no problema, así como elaborar unha proposta de mínimos única -consensuada entre todas as partes- para lles elevar a todas as institucións pertinentes, xa sexan de ámbito nacional, estatal ou internacional.
11. Ao remate da sesión da avaliación realízanse propostas de lugares para realización do XI Seminario da Memoria entre os que se citan (Valga, Boqueixón, Ribeira Sacra, Malpica, etc) coa intención de que poida ser valorada a súa viabilidade no deseño dunha nova actividade formativa. Proponse igualmente a realización dunha actividade de curta duración, en torno a Meirás para coñecer máis de preto o proceso de recuperación cidadá do Pazo de Meirás.
|
|
 | Presentación |  |
A convocatoria do Seminario constitúe, globalmente, unha proposta para a reconstrución da memoria histórica no contexto escolar. Preténdese suxerirlles aos asistentes unha reflexión sobre o fenómeno da represión, sobre a desapiadada depuración sufrida pola poboación e, específicamente, sobre o asesinato do Comandante Moreno e dos seus no Acevo. O obxectivo último do Seminario persegue posibilitar un mellor coñecemento do noso pasado máis recente e provocar tamén que a actualización dos coñecementos sobre os temas abordados nesta edición contribúa, no alumnado indirectamente beneficiario da reflexión, á comprensión do presente e á adopción dunha actitude responsable e solidaria na defensa da liberdade, da democracia e da xustiza.
Obxectivos da actividade 1. Identificar, analizar e explicar, situándoos no tempo e no espazo, os feitos, personaxes, problemas, etapas e procesos máis significativos sobre o fenómeno da represión, sobre a desapiadada depuración sufrida pola poboación e, específicamente, sobre o asesinato do Comandante Moreno e dos seus no Acevo. 2. Distinguir e valorar os trazos permanentes dos procesos de transformación e cambio nos diferentes períodos, analizándoos desde a realidade dos nosos días. 3. Situar estes procesos históricos no contexto de Galicia e do Estado. 4. Contribuír ao desenvolvemento dunha sensibilidade comprometida, responsable e activa coa liberdade, a democracia e a xustiza.
|
|
 | Documentación |  |
| Romance do Comandante Moreno, por Severina Muras |
| Álbum fotográfico do Seminario |
| Romance do Comandante Moreno |
| Versos en loor do Comandante José Moreno. Xoán Xosé Fernández Abella |
| Material entregado ás persoas asistentes |
| Miro Villar. Material empregado na conferencia |
| Faro de Vigo, 9 outubro 2019 |
| Barbanza TV, 8 outubro 2019 |
| Voz de Galicia, 6 outubro 2019 |
| Progreso, 6 outubro 2019 |
| Diario Público, 18 xullo 2019 |
| Región, 18 xullo 2019 |
| La Nueva Crónica, 18 xullo 2019 |
| Documental da Radio Galega sobre a guerrilla en Galicia |
| Cartel presentación "Doa, doa... avoa" |
| Cartel da exposición "80 anos. Santiago 1936" |
| Galicia Hoxe, 11 agosto 2007 |
| Sitio web do Concello de Rianxo |
| Voz de Galicia, 1 outubro 2019 |
|
|
|
 | Ficha técnica |  |
Título da actividade: X SEMINARIO SOBRE A MEMORIA: "A liberdade nunca perdeu ningunha loita! (R. Cabanillas)"
Datas de celebración 4, 5 e 6 de outubro de 2019.
Lugares de celebración: . Rianxo, A Fonsagrada e Grandas de Salime.
Destinatarios/as: Persoal docente do ensino público e concertado, e en paro.
Número máximo de participantes: 50, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas: 20 (homologación da Consellería de Educación en trámite).
Cotas de inscrición: (A matrícula inclúe os xantares de campo).
Ata o 1 de outubro de 2019 Socios/as de Nova Escola Galega: 30 €. Parados/as: 40 € (é precisa xustificación documental). Cota ordinaria: 60 €.
Desde o 2 de outubro de 2019 Socios/as de Nova Escola Galega: 40 €. Parados/as: 50 € (é precisa xustificación documental). Cota ordinaria: 70 €.
Forma de pagamento: Ingreso ou transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en ABANCA IBAN ES77 2080 – 0300 – 85 – 3040089500
Inscrición: Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.
|
|
|
|