Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2019 COLABORACIÓN EN COEDUCACIÓN - CONCELLO DE AMES 
Usuario
Contrasinal:


Presentación

A localización da sede de NEG no concello de Ames permítenos desenvolver, desde hai varios anos, diversas actividades de carácter cultural e educativo dentro do concello. Entre outras, dentro deste marco atópanse as actividades de colaboración cos colexios de primaria de Barouta e Ventín, destinadas a promover a perspectiva de xénero entre o profesorado, o alumnado e as familias.

A colaboración de NEG con estes centros organizouse a través de reunións coa persoa responsable de igualdade de cada un deles: Mercedes Alonso, no CEIP de Barouta, e Alicia Regos, no CEIP de Ventín. Estas reunións realízanse ao comezo de cada trimestre con cada responsable independentemente, co obxectivo de adaptar a colaboración de NEG ás características de cada centro, ás necesidades detectadas e ás demandas do profesorado. 

Desde NEG propuxemos actividades destinadas ao alumnado relacionadas coa celebración de datas coma:

 • 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller: Abórdase o tema da violencia cara ás mulleres desde a perspectiva da prevención desde a infancia a través da identificación por parte do alumnado das mensaxes sociais sexistas que reproducen a desigualdade. Préstase especial atención á autoestima das nenas e a cuestionar os mandatos de xénero masculinos relacionados coa agresividade e a prohibición de demostrar determinado tipo de  emocións. 

As actividades propostas xiran ao redor de vídeos e contos, coa respectiva análise didáctica dos mesmos, adaptados a alumnado de Primaria. No caso dos contos, NEG elabora unha adaptación en galego -no caso de non existir- e dixital que facilite o emprego dos mesmos nas aulas. Entre os contos empregados cómpre salientar: “Arturo e Clementina”, “Bonitas”, “Cuando las niñas vuelan alto” e “Las niñas serán lo que quieran ser”.

11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia: Elabórase unha proposta didáctica a partir de vídeos nos que se analizan diversos estereotipos sociais que transmiten a impresión de que as ciencias -especialmente as STEM- non son femininas. Neste sentido, cómpre salientar a colaboración co CEIP de Barouta coa posta en marcha do proxecto “Inspira STEAM”, da Universidade de Deusto, en colaboración coa de Vigo. Neste proxecto, búscanse “mulleres STEAM” en activo -denominadas mentoras- dispostas a realizar 6 xornadas didácticas con alumnas e alumnos -separados por sexos- de 6º de Primaria, explicando as características da súa formación e o seu traballo no mercado laboral.

NEG participou activamente na xornada de formación na Universidade de Vigo para a posta en marcha do proxecto, así como na procura de mentoras na comarca de Compostela. Entre os obxectivos fixados co CEIP de Barouta para o curso 2019-2020 estaba buscar a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela para promover e facilitar a participación de mulleres mentoras nun marco igual ou semellante ao Proxecto Inspira STEAM. Cómpre salientar que se trata dun proxecto que consideramos sumamente efectivo na promoción temperá de vocacións STEAM entre as alumnas, pero que resulta difícil expandir a outros centros sen axuda institucional que facilite a participación de mulleres profesionais, laboralmente en activo, dentro do horario escolar.

8M, Día Internacional da Muller: proposta de dinámicas ao redor do “Proxecto Iguais”, elaborado polo CEIP de Atios, destinado a reflexionar sobre os estereotipos de xénero e detectar os prexuízos interiorizados polo alumnado. NEG facilita ás responsables de cada centro unha copia impresa de fotografías de homes e mulleres reais, realizadas no seu contorno laboral, de ocio e privado, co obxectivo de emparellar as diversas facetas dunha mesma persoa, de xeito argumentado...Na actividade aparecen desde un xubilado “palilleiro”, unha fontaneira que toca a guitarra eléctrica, un matrón que fai pesas... unha mostra da diversidade existente na nosa sociedade que., porén, resulta invisible para tanta xente.

Todas as actividades deséñanse sempre co obxectivo de facilitar ao máximo o labor do profesorado, independentemente do dominio que teñan da temática, pulando tamén, deste xeito, pola formación docente en materia de igualdade. 

Valoración final

En canto á valoración que podemos facer desde Nova Escola Galega dos resultados obtidos, hai algúns indicadores que convén salientar como expresión dunha avaliación moi positiva dos proxectos desenvolvidos:

· A continuidade de ambos centros neste proxecto colaborativo que se mantén en dous cursos consecutivos. Implica un compromiso de formación e seguimento por parte do seu profesorado que garante a mellora constante das iniciativas e a sustentabilidade no tempo da perspectiva de xénero como elemento vertebrador dos seus proxectos educativos.

· A incorporación moi activa do CEIP de Barouta ao Proxecto STEAM, en colaboración coa Universidade de Vigo, mentres se establecen contactos para que a USC poida tomar en consideración asumir un proxecto semellante. É moi destacable que sexa este centro de primaria o único da comarca compostelá involucrado nun proxecto destas características.

 



Documentación




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com