|
|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
 | Prensa |  |
|
 | Presentación |  |
Xogo de tradición cultural, xogo tradicional, xogo popular... é aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida. Os xogos tradicionais forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular e son transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.
O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos da Península Ibérica, e o proceso de recompilación e de divulgación dos xogos tradicionais galegos colleu certa forza nas últimas décadas pois, ademais de teren aparecido estudos que catalogan e analizan os xogos galegos, téñense posto en marcha iniciativas de recuperación desde moi variadas perspectivas, pero sobre todo desde o ámbito escolar.
No ano 2009, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega organizaron en Melide unha actividade de formación que pretendeu achegar o estudo do patrimonio lúdico ao ámbito educativo. A resposta obtida por aquela convocatoria téndose esgotado todas as prazas ofertadas, provocou que se concibise esta segunda edición do Curso, desta volta centrada máis especificamente nalgunhas didácticas específicas, pero na que non se esquecen perspectivas máis globais –institucións europeas, universitarias, gobernos locais, ámbitos empresarial...– co obxectivo de ir construíndo unha visión o máis completa posible dos procesos de recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais.
Obxectivos:
1. Achegarse á cuestión do xogo tradicional desde unha óptica global, atendendo aos procesos de recuperación do patrimonio lúdico que se están desenvolvendo desde diferentes ámbitos.
2. Analizar o xogo tradicional como manifestación cultural, e especial o seu papel específico na construción da identidade.
3. Poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito escolar.
4. Investigar posibles estratexias de recuperación do patrimonio lúdico galego desde o ámbito dalgunhas didácticas específicas e valorar o seu papel no desenvolvemento dos procesos educativos.
5. Practicar unha importante batería de xogos de diferente tipoloxía e poñer en común variantes dos xogos propostos, e mesmo xogos novos.
Se queres acceder á última edición celebrada, clica aquí
(máis información)
|
|
|
|
 | A AGXPT |  |
 | Ficha técnica |  |
Título da actividade: II CURSO DE FORMACIÓN SOBRE O PATRIMONIO LÚDICO. "O xogo tradicional e as didácticas específicas".
Datas de celebración: 22 e 23 de outubro de 2010.
Lugar de celebración: Melide Instalacións do CEIP "Mestre Pastor Barral"
Destinatarios/as: Profesorado de Ensino Primario e Secundario en xeral. Educadores/as en xeral.
Número máximo de participantes: 90, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas: 12 (homologación da Consellería de Educación en trámite).
Cotas de inscrición: Ata o 15 de outubro de 2010 Ordinaria: 40 € Parados/as e estudantes: 30 € Socios/as de NEG: 20 €
Desde o 16 de outubro de 2010 Ordinaria: 50 € Parados/as e estudantes: 40 € Socios/as de NEG: 30 €
Forma de pagamento: Transferencia bancaria á conta da AGXPT en Caixa Galicia 2091– 0337– 84– 3040006072
Inscrición: Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento
|
|
|
|