|
|
 | Contactar |  |
|
 | GRUPO VIEIROS DA ESCOLA |  |
|
O grupo de traballo “Vieiros da escola” constituíuse a comezos do ano 2006, co obxecto de darlle continuidade á publicación electrónica do mesmo nome, logo do convite dos responsables de Vieiros para que Nova Escola Galega se fixese cargo desta sección. O traballo fora xa comezado por Esther Vázquez e Luís Teira, de Edugaliza.Aínda que non se trata dun grupo pechado, desde o seu comezo estivo integrado por: Xoanca Albarellos, Juan José Bueno, Mariló Candedo, Patricia Digón e Xesús Rodríguez.
O traballo consiste basicamente en coordinar a saída das sucesivas entregas desta publicación, planificando os temas que poidan ter interese en orde á súa actualidade social e/ou escolar, buscando persoas ou colectivos que se encarguen da súa realización e facendo o seguimento ata que aparece xa colgado na páxina de vieiros.com.
Desde o primeiro Vieiros da escola, cunha inauguración podemos dicir que de luxo ao escoller como tema de saída e cun tratamento crítico a celebración do 17 de maio, en liña coas preocupacións centrais da asociación, sucedéronse xa diversas propostas arredor de moi distintas temáticas –que queres ser de maior, os lentes, os cogomelos, o Samaín, Nannerl Mozart e outras compositoras, a telerrealidade, os valores Disney, a memoria do 36, o Nadal nas diferentes culturas, o comercio xusto…- contando co esforzo xeneroso e atento de moitos e moitas colaboradores e colaboradoras que aceptaron os mandados de xeito moi participativo.
O "Vieiros da escola" é un proxecto aberto que pretende ofrecer ideas e recursos para o traballo na escola, nos distintos niveis educativos e nas diferentes áreas do currículo, partindo das posibilidades que nos ofrece a rede. Para que sexa sostible no tempo, precisa da colaboración de todas as persoas que teñan un certo dominio e interese nalgunha temática e que sexan capaces de adaptarse a un formato tan sinxelo, á vez que dinámico, coma o que se propón, pensando en que os produtos elaborados poidan ser traballados na aula.
Proba do interese que suscita son os comentarios que ás veces atopamos navegando a través da rede e a demanda para participar en cursos de formación do profesorado presentando este recurso. Con certa perspectiva de futuro este grupo de traballo pretende:
- aumentar o número de colaboradores/as.
- ampliar e diversificar as temáticas abordadas.
- coñecer a utilidade real deste recurso e as valoracións que fai o profesorado, educadores… de cara a mellorar os aspectos que sexan necesarios.
- promover reflexións e debates sobre as temáticas abordadas, ou sobre o propio recurso...
- dispor dun foro debidamente coordinado ou dunha páxina de discusión para operativizar os obxectivos anteriores. Para contactares co grupo e, se cadra, enviarnos algunha suxestión, ou se queres compartir as túas ideas e intereses sobre algún tema que consideres atractivo para o teu traballo na escola contribuíndo así a dinamizar o noso labor educativo, comunícanolo a través desta páxina.
|
|
 | Documentos |  |
|
|
 | Opinar |  |
|
|