Consello Escolar de Galicia
O Consello Escolar de Galicia é o órgano de participación e de consulta da comunidade educativa galega, está constituído por representantes do profesorado e do alumnado do ensino público e privado, da Administración, da Federación Galega de Municipios, da patronal educativa, da Universidade, da Fundación Padre Sarmiento e por personalidades de recoñecido prestixio elexidos pola Consellería. Este Consello está presidido polo Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que delega as súas competencias nunha vicepresidencia, ostentada neste momento por Fernando del Pozo Andrés. As funcións do Consello son, entre outras, emitir dictrames sobre as iniciativas lexislativas da Consellería, formularlle propostas e suxestións e elaborar e publicar informes periódicos sobre a situación do ensino en Galicia.
O representante de NEG no Consello Escolar de Galicia, que forma parte do mesmo en calidade de representante dos Movementos de Renovación Pedagóxica, é Xosé Ramos Rodríguez. Esta persoa era ademais o presidente da Comisión de Ordenación Educativa deste Consello, así como membro da súa Comisión Permanente ata o nomeamento da nova Vicepresidencia.
Decretazo. Crónica breve do ocorrido no Consello Escolar de Galicia. Foi unha reunión deste órgano que resultou ben orixinal e que delata a posición abertamente contraria ao Decreto do galego da maioría da comunidade educativa. Foi orixinal por bater a marca de emendas á totalidade, é infrecuente que existan e como moito aparece unha e esta vez houbo sete, tamén pola obriga previa de identificación co documento de identidade ás portas do local onde habitualmente teñen lugar estas reunión, tamén polo número de asistentes, e sobre todo por ser a primeira vez que se pide a retirada dun texto sometido a consulta, ademais cun amplo marxe de votos: 24 a 16; sendo estes últimos os de 9 conselleiros da Administración ou nomeados directamente por ela, os dos alcaldes do PP e os dos pais e patronal da privada. Nada mais. Pero o mais curioso foi que non houbo nin unha intervención no Pleno a favor do Decreto salvo a obrigada do Secretario Xeral de Política Lingüística. Mais curioso aínda, na explicación de voto, sabidos os resultados e expresada a vontade do goberno, por boca de Anxo Lorenzo, de non ter en consideración o pronunciamento contrario do Consello; prodúcense dúas intervencións dos que apoiaron o Decreto...¡cuestionando o mesmo!. Unha intervención do representante da patronal privada matizando que o seu voto en contra da emenda á totalidade non significaba o acordo co Decreto nos seus aspectos mais rebatidos na emenda, senón a súa consideración de que se debería de discutir artigo por artigo. E o politicamente mais salientable foi a intervención de Daniel Barata, conselleiro nomeado directamente polo Goberno, que ademais o encomendou para ocupar a praza na Permanente en substitución do representante dos MRP (NEG); que lle pediu solemnemente ao Secretario Xeral que se retractara das súas palabras de non considerar o dictame do Consello, e que se lle trasladara ao Presidente do Goberno – ollo non dixo ao Conselleiro de Educación- as argumentacións a favor da emenda, que consideraba moi consistentes e de gran calado pedagóxico; e que se tivera en conta que rectificar podía ser unha boa acción de goberno dependendo das circunstancias. Era pois outra novidade que producía o Pleno: evidenciar as fisuras no PP dos apoios ao Decreto, que todos intuímos pero raramente se manifestan. Pero con todo seguen coa súa estratexia de levalo adiante, ¿polos magros pero significativos réditos electorais nas próximas eleccións municipais nalgunha das grandes cidades nas que ventean a posibilidade dunha maioría absoluta? Ou ¿pola vocación de pasar á política estatal do Sr. Feijoo, unha vez amortizado Rajoy, onde toda posición que se albisque antinacionalista vende entre os votantes da dereita?.
 |
Consellos Escolares Municipais